O Navegador Firefox e o Opera son dous dos navegadores máis antigos do mercado que aínda publican actualizacións de forma frecuente. Aínda que o Opera non alcanzou o mesmo nivel de adopción de usuarios que o Firefox ou o Google Chrome, mantívose relativamente estábel e cunha base leal durante un período de tempo prolongado. Nesta revisión, comparamos o navegador Opera co noso navegador Firefox en termos de seguridade e privacidade, utilidade e portabilidade para axudarche a escoller cal é o navegador que mellor se che adapta.

Seguridade e privacidade
Seguridade e privacidade | ![]() |
|
---|---|---|
Modo de navegación privada | ||
Bloqueo dos testemuños de rastrexo de terceiros por defecto | ||
Bloqueo dos códigos de criptominaría | ||
Bloqueo de rastrexadores de redes sociais |
A política de privacidade do Opera carece de especificidade na explicación de que tipo de información recolle e como. En certas seccións, din que recollen nomes de titulares de contas, enderezos IP e termos de busca. O que parece confuso e preocupante é a sección sobre transferencias internacionais de datos xa que non se explica cando, cantas veces e por que necesitan transferir os teus datos internacionalmente.
A política de privacidade do Firefox é moi transparente ao describir a información persoal que recolle, co único obxectivo final de che fornecer un maior control sobre a información que compartes na Internet.
No que se refire á protección de privacidade real no navegador Opera, ofrece un modo privado sólido que che permite navegar pola web sen que o navegador rastrexe a túa actividade. No modo de navegación normal, tamén podes desactivar algunhas das funcionalidades de recollida de datos, procurando e activando o bloqueador de publicidade e axustando outros recursos de seguridade na configuración.
Coa última versión do Firefox, a Protección mellorada contra o rastrexo está activada de xeito predeterminado no modo de navegación normal, para que non teñas que alterar a configuración para te protexeres dos rastrexadores. Coa Protección mellorada contra o rastrexo, o Firefox bloquea activamente miles de rastrexadores de terceiros que intentan seguirte por toda a web. Ofréceche un informe de protección personalizado que mostra con que frecuencia o Firefox bloquea testemuños de terceiros, rastrexadores de redes sociais, ferramentas de impresión dixital e criptomineiros mentres navegas pola web.
Facemos o Firefox para persoas coma ti, que se preocupan profundamente pola privacidade e a seguridade persoal. É por iso que recollemos pouca información sobre os usuarios e somos transparentes sobre como usamos esa información. É difícil saber como funciona o Opera desde a perspectiva de privacidade. Aínda que hai funcionalidades de privacidade ben construídas, a forma en que eles mesmos recollen e comparten os teus datos é escura. O Firefox segue sendo coherente no que di e fai para protexer a túa privacidade.
Utilidade
Utilidade | ![]() |
|
---|---|---|
Bloqueo de reprodución automática | ||
Navegación por lapelas | ||
Xestor de marcadores | ||
Cobre automaticamente os formularios | ||
Opcións de motores de busca | ||
Conversión de texto a voz | ||
Modo lectura | ||
Verificación ortográfica | ||
Extensións web/Complementos | ||
Ferramenta de captura de pantalla no navegador |
Non hai dúbida de que o Opera é un navegador cheo de funcionalidades, cunha interface de usuario limpa e con opcións de personalizacións ben construídas. Como o Opera está baseado no Chromium, aproveita gran parte da ampla biblioteca de extensións do GoogleChrome. O Firefox tamén posúe unha libraría ampla para navegar mais non tan ampla como a do Chrome.
Da mesma maneira que o Firefox, o Opera ofrece unha experiencia de lapelas de desprazamento, o que significa que cando abres máis lapelas das que caben na pantalla, estas son desprazadas para fóra da pantalla en vez de reducilas progresivamente. Tanto o Firefox como o Opera teñen unha ferramenta de captura de pantalla que permite capturar toda a pantalla ou parte da páxina. Non obstante, a ferramenta do Opera non permite crear unha captura completa de toda a páxina web, só a parte visíbel.
O Opera fornece moita funcionalidade oculta na súa interface simple e personalizábel. Por exemplo, ten asistencia integrada para aplicacións de mensaxes, como o Facebook Messenger. Tamén hai un lector de noticias que engade os artigos que quixeres de sitios web e medios de comunicación. A súa funcionalidade equivalente no Firefox chámase Pocket. O Pocket é un servizo gratuíto para os titulares de contas Firefox que facilita a localización e o rexistro de artigos e vídeos interesantes de toda a Internet. Alén disto, recomenda unha variedade de artigos que expanden a túa base de coñecemento, organizados por persoas reais e ponderadas.
En termos de utilidade, o Opera e o Firefox son competidores próximos. O Opera pode ter unha vantaxe nun aspecto coa súa compatibilidade e acceso á enorme biblioteca de extensións do Chrome. Pero un factor importante a ter en conta é o feito de que o Opera, como está baseado no Chromium, é un navegador que precisa moito procesador e que ten un consumo de memoria RAM comparábel ao Chrome, coñecido polo elevado uso da CPU.
Portabilidade
Portabilidade | ![]() |
|
---|---|---|
Dispoñibilidade para sistemas operativos | ||
Dispoñibilidade para sistemas operativos móbiles | ||
Sincronización con móbiles | ||
Xestor de contrasinais | ||
Contrasinal principal |
Tanto o Firefox como o Opera son compatíbeis en todas as plataformas, incluíndo Windows, macOS, Linux, Android e iOS. Os titulares da conta de Firefox poden sincronizar facilmente os teus marcadores, contrasinais, lapelas abertas e historial de navegación en todos os dispositivos que teñan a súa conta iniciada. O mesmo serve para os usuarios do Opera cunha conta. Non obstante, moitos sitios, especialmente os antigos que non se actualizan desde hai anos, bloquean completamente a última versión do Opera. Entón, se para ti é importante visitar páxinas como o antigo blog da túa ex parella, deberás decatarte de que pode que non consigas acceder a algún dos recunchos cheos de arañeiras da Internet se usares o Opera.
Alén da aplicación móbil normal, o Opera ten outras dúas versións móbiles do navegador: a Touch e a Mini. A Touch ten poucas funcionalidades, mais foi proxectado para ser utilizado en movemento e cunha soa man. A versión Mini pretende reducir a utilización de datos e aumentar a velocidade en ligazóns lentas ao reducir a calidade das imaxes e ao remover certo contido. Tamén ofrecemos unha versión adicional, aínda que experimental, da nosa aplicación móbil do Firefox, o Firefox Preview, que se centra na velocidade e na seguridade.
A maioría dos navegadores principais nestes días, coa excepción do Safari, funcionan sen problemas en todas as plataformas e navegadores. O Opera e o Firefox non son unha excepción, xa que ambos navegadores proporcionan unha excelente portabilidade en todos os dispositivos.
Avaliación global
En xeral, o Opera é un navegador sólido, cunha interface limpa e moitas funcións útiles dispoñíbeis. Non obstante, existen serias preocupacións coa privacidade e coa utilización excesiva de recursos de procesamento. Aínda que o Opera ten unhas funcións de uso realmente fantásticas, aínda cremos que o Firefox segue sendo un navegador superior baseado no rendemento e cunha postura transparente en relación á privacidade do usuario xa que ten proteccións de privacidade rigorosas.
Estas comparacións fixéronse coa configuración predeterminada e coas versións de lanzamento dos navegadores, como se indica a continuación:
Firefox (81) |
Opera (67)
Esta páxina actualízase cada mes e medio para recoller as últimas versións, pero pode que non sempre recolla as últimas actualizacións.