Ao descargar o Firefox desde un Windows de 64 bits, obtés por defecto a versión de 64 bits. Isto significa que gozarás dunha versión máis segura do Firefox que tamén falla moitísimo menos. Canto menos? Pois nas probas feitas até o de agora, o Firefox de 64 bits reduciu os erros nun 39% en computadores con 4 ou máis xigas de RAM.


Que diferenza hai entre 32 bits e 64 bits?

Isto é o que hai que saber: as aplicacións de 64 bits poden acceder a máis memoria e son menos propensas a fallar que as aplicacións de 32 bits. Ademais, co salto de 32 a 64 bits, unha función de seguridade chamada Aleatorización do deseño do espazo de direccións (ASLR) funciona mellor para protexelo dos atacantes. Usuarios de Linux e macOS, acougade: vós xa estades a usar un Firefox optimizado para 64 bits.

Como obteño eu o Firefox de 64 bits?

Se xa traballas cun Windows de 64 bits (aquí tes como comprobalo ), é posíbel que o teu Firefox xa sexa de 64 bits. Comproba a túa versión do Firefox (na xanela "Sobre o Firefox") e procura "(32 bits)" ou "(64 bits)" tras o número da versión:

  • Se ves "(32 bits)" e estás a usar a versión 56.0 do Firefox ou unha máis antiga, a actualización á última versión do Firefox debería instalar automaticamente a de 64 bits.
  • Se ves "(32 bits)" e estás a usar a versión 56.0.1 do Firefox ou unha máis nova, podería ser que o teu computador non cumpra os requisitos mínimos de memoria para 64 bits (3 GB de RAM ou máis). Porén, se o desexas, podes instalar manualmente o Firefox de 64 bits.
Se precisas usar o Firefox de 32 bits ou instalar manualmente o de 64 bits, tes a opción de simplemente descargar e volver executar o instalador do Firefox para Windows (de 32 bits ou 64 bits) da páxina de descarga de plataformas e idiomas do Firefox.